Lobo Mariño Cincento “CAMARIÑAS” (Halichoerus grypus) – Morreu o noso lobiño (22-febreiro-2007)
Mentres estivo con nós amosou unha grande enerxía e forza. Despedímonos dun animal activo e con moito apetito que iniciaba una segunda fase de recuperación que lle serviría de adaptación cara a súa próxima liberación e catro días máis tarde volveu a nós cunha hipotermia aguda e un corpiño delgado, anoréxico, que deixaba ver todos os ósos baixo unha pel ausente de graxa protectora.
Non foi posible impedir que se lle fora a vida, nin con soro, auga quente, masaxes e o cariño de todos os que estivemos xunto del na UCI da SGHN.
A pesares de que somos conscientes de que non se pode loitar contra o irremediable, a boa evolución que presentaba fíxonos albergar esperanzas na súa recuperación e o súbito empeoramento e morte deixounos moi abatidos e desconcertados.
Este triste suceso non vai impedir que sigamos a acoller na UCI de Lobos Mariños a canto animal precise axuda, co mesmo ánimo de sempre. Esperaremos o resultado da autopsia que lle farán o veterinarios da CEMMA e tentaremos aprender para lograr un maior grao de éxitos no futuro.
Quixeramos deixar un pensamento final, que se refire ao paradoxo da nosa loita por sacar adiante a unha foquiña, mentres dentro de poucos días outros seres humanos lle quitarán a vida a máis de 300.000 animais de pouco tempo de vida. O contraste do noso sufrimento coas mans que se erguen para descargar o pao sobre o corpo indefenso. O sorprendente ser humano capaz dos mellores sentimentos e das peores acciones.
Etiquetas: UCI Lobos mariños e focas
<< Inicio