1.1.06

A “Casa do Coronel” - Unha ollada ao futuro (1/01/2006)



Este é o noso proxecto de futuro. A “Casa do Coronel”, un edificio que fai esquina como as ás dun paxaro comezando a abrirse, ou das dunha rapaz en pleno picado. Son 1.800 metros cadrados, 436 deles serán espacio expositivo permanente e 80 metros más para exposicións itinerantes. Biblioteca, sala de actos, laboratorios, astronomía, cámara frigorífica, sala de necropsia, UCI para lobos mariños, tanques para tartarugas e talleres para montaxe de esqueletos e fábrica de maquetas. Pola parte interior, un gran patio para manipulación e limpeza de ósos e unha zona de horta, con árbores froiteiras.
Nas fotos vense soamente as fachadas, porque o interior do edificio non o podemos ensinar, cheo como está dos restos da espoliación ao que foi sometido dende cós militares o deixaron. Portas e fiestras, inútiles para conter aos amigos do alleo, que día a día asaltan o edificio e se levan o pouco que lles parece de valor, esnaquizando máis do que apañan. Xa escachizaron todos os sanitarios para arrincar quince centímetros de tubo de chumbo. Ata a madeira tentaron levarse, aínda que debeu ser moito traballo para quen aproveita a noite para impunemente roubar o que non é seu.
Como non podemos loitar contra a delincuencia e non podemos protexer o edificio, pero queremos manter a ilusión, dedicámonos á horta, que herdamos chea de silvas, como un labirinto verde que non deixa ver as marxes. Nela traballamos para devolverlle a vida que tivo algún día, mentres o caserón, as nosas costas, vai sendo desvalixado día a día.

Etiquetas:

0 comentarios:

Publicar un comentario

Suscribirse a Enviar comentarios [Atom]

<< Inicio